Desde 2019, a ONG Project Net coordina en diferentes cidades de Letonia un proxecto de universidade sénior á que, no marco dunha iniciativa financiada polo programa comunitario Erasmus+, proxectan incorporar a creación dunha radio. Co obxectivo de formar aos e ás responsables deste programa na creación de contidos radiofónicos e coñecer boas prácticas en materia de formación ao longo da vida, integrantes desta organización atópanse nestes días desenvolvendo unha estadía en Galicia, que este xoves levounos ata a Facultade de Comunicación, onde, coa colaboración do Decanato, puideron participar nunha sesión formativa sobre funcionamento e edición de podcast.
Sete profesionais desta organización, entre os que se atopa a súa responsable, Iveta Cirule, puideron coñecer nesta xornada as instalacións da facultade pontevedresa, acompañados polo vicedecano Vicente Badenes e polo profesor Xabier Martínez Rolán, encargado de impartirlles un taller sobre comunicación sonora e creación de podcast. Ao mesmo tempo, sinalan, a visita contribuíu tamén a establecer lazos de cooperación internacional, un dos obxectivos do proxecto Erasmus+ que desenvolven coa colaboración da Universidade da Coruña, onde nestes días participaron tamén en diferentes actividades. Nese senso, o propósito desta visita era achegar coñecementos sobre creación de contidos as e os profesionais desta organización de cara a posta en marcha dunha primeira experiencia de “radio sénior” con grupos de participantes nos programas formativos para maiores que levan a cabo.
Como un proxecto que representa “anos de formación, descubrimentos e transformacións” preséntase Do final e do comezo, a exposición que reúne no Pazo de Cultura as creacións que 27 novos titulados e tituladas en Belas Artes desenvolveron como traballos de fin de grao. Promovida polo Concello e a facultade, esta mostra colectiva foi inaugurada na noite deste martes, nun acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o decano, Xosé Manuel Buxán, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a comisaria da mostra, Alexandra R. Rey.
“Este proxecto amosa o final dun ciclo para abrir portas a novas experiencias, retos e camiños”, recolle o texto de presentación da exposición, que lembra tamén a figura de Juan Carlos Meana, quen impulsou na súa etapa ao fronte do Decanato esta exposición anual. Seleccionados nunha convocatoria aberta aos TFG defendidos o pasado curso, Do final e do comezo busca articular “unha panorámica das múltiples propostas, investigacións e pensamentos que se formaron no contexto da facultade”, reunindo un conxunto de obras que abranguen desde a pintura ou a fotografía ata a instalación ou a escultura. As creacións de 25 novas tituladas e dous titulados integran unha mostra que reflicte unha diversidade de intereses e temáticas, conectadas á súa vez, como sinalou a súa comisaria, polo seu interese de indagar sobre a súa orixe e polo traballo con elementos téxtiles en múltiples tipos de obras.
Achegar o alumnado á realidade profesional en diferentes sectores é o obxectivo das Conversas Empresa Universidade, unha serie de encontros promovidos polo Campus Crea, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, que terán como protagonistas unha vintena de profesionais da fotografía, a creatividade, a fisioterapia e o deseño. “Que empresas e profesionais poidan darlles a súa visión sobre o mercado laboral é algo moi importante para o alumnado”, salienta a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, dunha actividade que arranca o venres 27 na Casa das Campás cun encontro sobre fotografía. A continuación, o luns 30 terá lugar unha xornada sobre creatividade publicitaria na Facultade de Comunicación, mentres que a do 9 de novembro centrarase na fisioterapia, pechándose esta iniciativa, entre o 27 de novembro e o 1 de decembro, cunha serie de talleres na Facultade de Deseño.
Coa excepción destes talleres, que polo seu formato estarán limitados ao alumnado desta facultade, o resto de xornadas están abertas tanto ao estudantado como ao público xeral. Nelas, explica Fernández Souto, participarán “desde profesionais que crearon a súa propia empresa a persoas que traballan por conta allea e que xa teñen un percorrido”, que achegarán ao alumnado tanto "a súa visión da realidade do seu sector e do seu futuro inmediato”, como o seu percorrido profesional.
Impulsar unha liña de colaboración no eido cultural coa Universidade do Minho foi o do motivo central dun recente encontro entre representantes da institución portuguesa e da Vicerreitoría do campus, que ten como primeiro resultado a participación, na tarde deste venres, dun grupo de estudantes de teatro chegados desde Braga na xornada de peche da Miteu. Horas antes de estrear no Teatro Principal a súa obra Roleta Mortis, este grupo de alumnos e alumnas foron recibidos na Casa das Campás pola vicerreitora Eva María Lantarón e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, así como polo coordinador desta mostra, Salvador del Río.
Esta colaboración, que permite ademais achegar esa “compoñente internacional”, como sinala Lantarón, á XIV edición destra mostra, parte do encontro mantido recentemente coa vicerreitora de Cultura e Territorio da Universidade do Minho, Joana Aguiar, e a pro-reitora de Comunicación Institucional, Teresa Ruão. O seu obxectivo, sinala Lantarón, é promover un “intercambio cultural e abrir fronteiras”, posibilitando iniciativas como que este grupo de estudantes “poidan vir aquí e mostrar todo o que aprenderon ao longo do curso a través desta obra”, pero tamén que as de teatro ou de música tradicional do campus poidan participar en actividades en Portugal. Do mesmo xeito, búscase tamén “aproveitar as sinerxías que podemos fomentar e que poden axudar a engrandecer ás dúas universidades, tanto a do Minho como a de Vigo”, engadiu a vicerreitora, que sinalou a vontade de que esta colaboración poida ir máis aló do cultural “e que tamén nos axude na especialización do campus e a facer visible o Campus Crea”.
- Pont-Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas para a súa décima edición
- A Aula Permanente de Música Tradicional inicia o seu percorrido pola cidade
- O campus despedirá máis de 550 novos titulados e tituladas nas próximas semanas
- O baile tradicional faise un oco na programación cultural do campus