Co concepto de tempo como núcleo temático, a Semana Galega de Filosofía celebrará do 1 ao 5 de abril os seus 40 anos de traxectoria, e farao contando novamente coa colaboración da Universidade de Vigo. Con ese obxectivo, este venres tivo lugar a sinatura do anexo ao acordo marco que a institución académica mantén desde 1996 coa Aula Castelao de Filosofía, que por segundo ano consecutivo participará na organización das Xornadas de Pensamento e Creación, no marco das actividades da Semana da Creatividade.
“Un dos nosos obxectivos é achegar o coñecemento á sociedade e iso é algo que conseguimos a través da colaboración con asociacións como a Aula Castelao”, salientou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, tras a sinatura deste acordo, xunto ao coordinador desta entidade, Alexandre Cendón. A vicerreitora lembrou que a Semana Galega de Filosofía é un evento aberto ao público, que contribúe “a transferencia do coñecemento”, e no que se insiren un conxunto de “conferencias divulgativas, que poden ser de interese tanto para o alumnado e o profesorado como para a poboación en xeral”.
Por terceiro ano consecutivo, Belas Artes participa no proxecto Arte em Tránsito, unha iniciativa promovida pola Cámara Municipal e o Cine Teatro João Verde de Monção, no que estudantes da UVigo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e da Escola Superior Artística do Porto (ESAP) traballan conxuntamente na realización duns cadros inspirados nas paisaxes e na tradición vitivinícola deste municipio do norte de Portugal. Con ese propósito, os alumnos da facultade Río Marbán e Paloma Domínguez Musso participaban recentemente no segundo encontro desta iniciativa, xunto ás alumnas do IPVC María Ferreira e Patrícia Silva. No marco da súa estadía nunha quinta dedicada á produción de viño, as estudantes interviñeron sobre catro lenzos nos que previamente traballaran outros seis estudantes, no primeiro encontro do proxecto.
Estes lenzos permanecerán agora expostos no Museu do Alvarinho de Monção ata maio, cando teña lugar un novo encontro, no que as obras serán de novo transformadas por estudantes das institucións participantes, completando así unha nova edición dun proxecto de “pintura colaborativa”, no que participaron ata o de agora 16 estudantes da facultade pontevedresa. De feito, Belas Artes acollía o pasado mes de decembro a exposición itinerante na que se mostran os cadros realizados nas dúas edicións previas de Arte em Tránsito.
Como unha exposición que “pretende xerar unha reflexión acerca da identidade, a desigualdade, a violencia e a convivencia” define a catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz Compartir es vivir, unha mostra que reivindica o papel das artistas a través dunha serie de obras “concibidas desde unha consciencia crítica e un posicionamento feminista”. Comisariada por Herranz e a artista e colaboradora do grupo de investigación ES2 Celeste Garrido, a exposición estreouse a finais de 2022 en Marín, reunindo as creacións de 15 artistas de seis países, que agora poden verse no Museo de la Mujer de México, na que é a primeira parada desta exposición en América Latina.
Dependente da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), este museo acolle ata o 31 de marzo un proxecto expositivo que contou co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidades e que se insire nas iniciativas da Colectiva Portal de Igualdad, que ten entre as súas liñas de actuación “o desenvolvemento dunha museografía feminista”, como apunta Herranz. Coa colaboración tamén do colectivo Clásicas y Modernas, Compartir es vivir presenta, entre outras obras, a peza ¿Tienen que estar desnudas las mujeres para entrar en la MET?, unha adaptación ao castelán da obra máis emblemática das Guerrilla Girls, un colectivo de artistas xurdido na década de 1980 nos Estados Unidos co obxectivo de reivindicar a discriminación das mulleres na arte.
Creada en 2004, co obxectivo de promover a cooperación entre cidades que identifiquen a creatividade como un factor estratéxico de desenvolvemento urbano sostible, a Rede de Cidades Creativas da Unesco está integrada por preto de 250 urbes de diferentes partes do mundo. Analizar vías de colaboración para unha posible candidatura coa que Pontevedra poida optar a formar parte desta rede foi o obxectivo central da xuntanza que mantiveron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Neste encontro, que tivo lugar o pasado venres e que tiña como obxectivo dar os primeiros pasos á hora de estudar a posibilidade de entrar a formar parte deste rede internacional, participaron tamén o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez; a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e o director de área adxunto á vicerreitoría, Luis Torres.
“É unha proposta que esperta interese polas dúas partes”, recoñece Fernández Souto, que incide en que trátase dunha iniciativa “que entronca directamente co Campus Crea e coas titulacións que se imparten na cidade, así como coa súa propia actividade cultural”. De aí que neste encontro trasladasen aos responsables municipais que “a Universidade colaborará en todo o necesario” nos traballos de preparación dunha candidatura, “que é unha petición que terá que efectuar o Concello”.
- A Facultade de Comunicación estrea Aula de Cine
- O alumnado da Facultade de Comunicación iníciase na verificación de datos nos debates electorais das autonómicas galegas
- Reflexións e propostas para converter a arte contemporánea nunha ferramenta educativa
- Un libro en branco para redefinir os conceptos fundamentais da arte gráfica