Tras exercer desde 2019 como decano comisario, no proceso de creación do centro, o profesor Marcos Dopico foi elixido este venres primeiro decano da Facultade de Deseño, nunha votación na que a candidatura que encabezaba recibiu o apoio dos sete representantes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado que integrarán a xunta do centro. Profesor titular do Departamento de Debuxo, Dopico Castro encabezaba a única candidatura que concorreu a este proceso electoral, que completan as docentes Cristina Varela, como videcana, e Patricia Dopico Rodríguez, como secretaria académica.
Coa posta en marcha, o pasado mes de setembro, do Grao en Deseño, iniciaba tamén a súa andaina, no edificio da Xunta en Benito Corbal, esta facultade, cuxa creación fora aprobada polo Goberno galego en 2022 e á que se adscribe tamén o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. O feito de tratarse dun centro de nova creación, lembra Dopico, provocou tamén que “o proceso de eleccións a decanato” fose tamén “algo máis longo”, xa que obrigou a impulsar tamén o procedemento de elección dos representantes do profesorado con vinculación non permanente, persoal de administración e servizos e alumnado que formarán parte da Xunta de Facultade. Sumados ao persoal docente con vinculación permanente, finalmente foron sete as persoas chamadas á votar nesta xornada e todas elas deron o seu apoio á candidatura encabezada por Dopico. “Cando se fixo todo o traballo de creación do centro e do novo grao, comprometémonos co proxecto”, recoñece respecto súa continuidade á fronte de Deseño, que ve “como unha maneira de devolver a confianza que puxo a Universidade en min para o proceso”. Non obstante, lembra, esta foi tamén “unha decisión consensuada” dun equipo do que destaca a súa coincidencia no referido “a cara onde queremos levar a facultade nestes primeiros pasos”.
A idea da arte múltiple constitúe o núcleo central da actividade que desde hai dúas décadas desenvolve o grupo de investigación dx5 (Digital & Graphic Art Research), da Facultade de Belas Artes, que ten abordado desde múltiples perspectivas a evolución vivida pola arte gráfica, caracterizada pola existencia “dunha matriz que xera múltiples” obras, como sinala a súa directora, Ana Soler. Esa evolución “cara unha gráfica de campo expandido” e, máis concretamente, o que acontece “cando esa matriz xa non xera estampas, senón elementos que invaden o espazo” constitúe o eixe do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira O múltiple que ocupa o espazo, un programa de actividades no que se insiren tres exposicións, intervencións no espazo público e un foro académico.
Coordinada polo grupo dx5 e promovida coa colaboración do Concello de Pontevedra e o financiamento da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, esta programación desenvolverase entre o mércores 8 e o venres 10 de maio en diferentes espazos da cidade. Por unha banda, a sede da Vicerreitoría acollerá o ciclo de conferencias deste VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira, mentres que o Pazo da Cultura, a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e a Fundación RAC inaugurarán neses días tres exposicións.
Promovida polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, este luns botou a andar a Semana da Creatividade 2024, un conxunto de actividades centradas nas diferentes liñas do Campus Crea e “que reflicten a realidade do proxecto de especialización, un dos motores que dan visibilidade ao campus de Pontevedra”. Deste xeito presentaba a vicerreitora Eva María Lantarón o programa de conferencias, seminarios e talleres, que entre este luns e venres se desenvolverán en diferentes facultades. “Temos actividades tan dispares como conferencias que abordan desde o impacto da intelixencia artificial nos labores creativos, aos procesos de invención de linguas, pasando polo deseño de carteis para o mundo audiovisual ou mesmo as conexións entre arqueoloxía e videoxogos e o mundo da moda e o deporte”, salientou Lantarón no acto inaugural desta Semana da Creatividade.
Dirixida, como lembrou Lantarón, a “dar visibilidade ao proxecto de especialización”, que afonda nas conexións da creatividade coa comunicación, o deseño, a creación artística ou a educación, na inauguración desta Semana da Creatividade participou tamén o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, quen lembrou que a institución provincial destina 55.000 euros ao impulso do proxecto de especialización do campus e destacou que esta programación traerá a Pontevedra “persoas expertas en temáticas moi variadas e interesantes”. Coa presenza tamén do concelleiro Alberto Oubiña, o acto completouse coa intervención da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, quen lembrou que "todas son actividades abertas á sociedade”.
Coñecer filmes de diferentes xéneros, épocas e países, que permitan explorar as diferentes canles polas que a creatividade se fai patente no cinema, tanto a través de aspectos técnicos e formais como dos elementos narrativos ou da construción dos personaxes. Ese é o propósito do segundo ciclo de cinema Expediente Alquimia, promovido pola Vicerreitoría do campus no marco das actividades da Semana da Creatividade, que se celebrará entre o 22 e o 26 de abril. Patrocinado pola Deputación de Pontevedra, no marco das iniciativas para o impulso do proxecto de especialización Campus Crea, trátase dun ciclo aberto ao público e conformado por dez proxeccións na Casa das Campás, que terán lugar entre este xoves 4 de abril e o 14 de xuño.
Baixo o título de Expediente Alquimia (II), trátase dunha actividade que conta tamén coa colaboración do Instituto Francés do Cinema e do Goethe Institut alemán e que busca afondar en como a creatividade aflora no cinema a través dunha combinación de “coñecemento e imaxinación”, como sinala o seu coordinador, o codirector do festival Novos Cinemas Suso Novás. Con esa idea, entre os seus obxectivos figura tanto “a análise de arquetipos argumentais focalizados na creación”, como mostrar “exemplos da capacidade que ten o cinema de ser revelador cuns recursos mínimos”, a través de filmes que desenvolveron “aspectos estéticos e formais novidosos no seu momento”.
- Campus Crea premiará os vídeos que mellor reflictan en TikTok o significado da creatividade
- O británico Simon Callery presenta na Sala Manuel Moldes unha obra nacida en contacto coas paisaxes de Pontevedra
- A Deputación de Pontevedra destinará 165.000 euros ao impulso do Campus Crea e de proxectos de investigación
- Belas Artes convida estudantes e titulados de toda España a reflexionar sobre as "novas derivas" da arte gráfica