Como “unha selección de miradas” a un “territorio híbrido entre arte e ciencia” preséntase un libro editado pol grupos de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature. Estes seminarios, desenvolvidos en Nova York e Pontevedra, puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais, co obxetivo de “mapear” as prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía, sinalan as súas responsables. Baixo o título de Posthumanismos interdisciplinares en el arte y la ciencia, o volume ten como editoras á investigadora Antía Iglesias e á responsable do grupo dx5, Ana Soler, e conta tanto cunha edición en papel como cunha versión dixital de acceso aberto.
Ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts (SVA) de Nova York, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright, Iglesias impulsou en febreiro de 2025 este ciclo, cunha primeira edición no Biolab deste centro. O seu obxectivo, explica, era “activar un espazo de encontro entre creadoras, investigadoras e axentes culturais cuxas prácticas se aproximan á noción de natureza desde os seus límites de contacto con outras disciplinas”. Poucos meses despois, o BioBAT Art Space de Nova York foi sede da segunda edición deste seminario, que a finais dese ano desenvolvería un terceiro encontro en Pontevedra, froito da colaboración entre os grupos dx5 e AF4, xunto co Campus Crea e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra.
Esta publicación, explica Iglesias, recolle agora “as reflexión e intervencións” dos investigadores e investigadoras convidados a esta terceira edición, xunto “unha revisión e contextualización das dúas primeiras xornadas, realizadas en Nova York”. Publicado polo Servizo de Publicacións da UVigo e coordinado por esta artista e investigadora, co apoio de Aldara Vázquez, o libro conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través das Axudas do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas.
Ler a noticia completa no DUVI
A xunqueira de Alba será o punto de partida das curtametraxes que dez estudantes do campus de Pontevedra desenvolverán nos próximos meses no marco do taller Filmes como marismas, promovido polo Campus Crea xunto con Novos Cinemas. A artista e cineasta madrileña Candela Sotos, gañadora do Premio Latexos na última edición deste festival, será a encargada de guiar os dez alumnos e alumnas seleccionados no proceso de creación destas pezas, nas que explorarán tamén o traballo con materiais de arquivo “heteroxéneos e contraditorios”, sinalan desde a organización. Ata o 2 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar nun obradoiro que se completará coa estrea dos resultados finais na xornada inaugural da décimo primeira edición deste festival.
O concepto de zona húmida como un espazo "de transición entre a terra firme e auga”, onde os materiais arrastrados pola corrente “deposítanse, mestúranse, descompóñense e reorganízanse”, conéctase neste taller coa idea de memoria, como “territorio intermedio entre a historia e o presente”. Nese senso, a proposta deste obradoiro é que as marismas de Alba constitúan un espazo “desde o que poder construír procesos creativos audiovisuais e experimentar coas capas temporais históricas que o conteñen”. De feito, un dos obxectivos é que as e os participantes traballen con materiais “heteroxéneos e contraditorios”, de arquivos propios ou atopados, e que os exploren “desde a montaxe non lineal, con esa idea de sedimentación”, de capas "que se acumulan sen eliminar o anterior”.
Ler a noticia completa no DUVI
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE). Procedentes de España, Portugal, República Checa, Italia, Colombia, Reino Unido, Austria, Serbia e Suecia, as e os seleccionados na convocatoria aberta para un workshop no que se lles convida a “repensar e reformular” os seus proxectos nas “coordenadas” dun seminario que busca conectar a acción e investigación artística co “contexto concreto da illa”, como explica Méndez.
Esta iniciativa insírese nas accións dunha rede de investigación financiada polo programa COST da Unión Europea, que centra o seu traballo en conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras ou novas ferramentas tecnolóxicas. Liderado polo Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade da Universidade do Porto, o proxecto ARTinRARE conta coa participación de máis de 200 artistas e investigadores nos seus diferentes grupos de traballo e ten como punto de partida o concepto de intelixencia artística, que fai referencia á capacidade colectiva da investigación artística baseada na práctica para xerar impacto e valor máis aló dos resultados específicos dun proxecto. Estes grupos de traballo reuníanse o pasado mes de febreiro na Facultade de Belas Artes da UVigo, nun encontro promovido por Méndez, membro do comité de xestión desta rede e directora, xunto con Díez, do proxecto Geografía Poética. Impulsado pola Universidad de Zaragoza, esta iniciativa naceu en Teurel e tiña como obxectivo a creación dunha rede de conexións entre comunidade, patrimonio e territorio a través de intervencións artísticas contextualizadas.
Ler a noticia completa no DUVI
Artista téxtil, deseñadora e investigadora, Arantza Vilas ten colaborado ao longo da súa traxectoria no deseño de vestiario de producións audiovisuais como os filmes A pantasma da ópera, María, raíña de Escocia ou a serie Xogo de Tronos, ao tempo que levou a súa obra a galerías e museos de diferentes países. Profesora asociada no Central Saint Martins da Universidade das Artes de Londres, Vilas será a responsable dunha das conferencias do III Congreso Internacional de Creatividade, que se desenvolverá os días 8 e 9 de outubro en Pontevedra. Previamente, será tamén a encargada de impartir o obradoiro A impresión 3D e os tecidos, unha aproximación, unha iniciativa formativa promovida polo Campus Crea, que terá lugar os días 6 e 7 de outubro no CREA Lab da Vicerreitoría do campus.
A abordaxe dos tipos de tecnoloxías que, no eido da impresión 3D, poden levarse ao mundo dos tecidos, a utilización do lapis 3D sobre papel, acetato ou cristal e a experimentación sobre tecidos serán algúns dos eixes deste taller de 12 horas, dirixido ás e aos integrantes da comunidade universitaria. Cunha duración de 14 horas e con inscrición gratuíta, trátase dun obradoiro con 12 prazas, que este mércores abría a súa inscrición na plataforma Campus Activo.
Como sinalan desde a organización, a obra de Arantza Vilas abrangue múltiples disciplinas, pon énfase especial nos procesos e baséase na investigación sobre os materiais, destacando o seu interese pola artesanía tradicional e por ferramentas e métodos innovadoras e sostibles, “que poidan achegar novas ideas, contribuír á innovación nas narrativas e suscitar a reflexión”.
Ler a noticia completa no DUVI
- A programación dos Premios Feroz arranca na Facultade de Comunicación
- O profesor Alberto Dafonte sitúase á fronte do Campus Crea co reto de acadar a acreditación
- Da gravación analóxica á intelixencia artificial, 20 estudantes afondan nos procesos da produción musical
- Carmen Hermo convértese na nova decana de Belas Artes