Profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), Adolfo Ramírez Escudero iniciou a mediados da década de 1990 unha colección de obras de estudantes ou docentes deste centro que, a día de hoxe, reúne máis de 80 pezas, entre as que se atopan traballos iniciais, como explica, de “artistas que teñen xa un certo recoñecemento”. Non obstante, esta colección non dera lugar ata agora a unha mostra colectiva como a que desde este xoves pode visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, na que se presentan as creacións, principalmente pictóricas, de preto de 60 artistas, ligados todos eles á facultade da UPV/EHU.
Ata o 7 de abril poderá visitarse nesta sala unha exposición que recibe o título de Aire Galería, o espazo expositivo que Ramírez Escudero impulsou en 2018 en Bilbao, co obxectivo de dar visibilidade ás creacións do alumnado e profesorado desta facultade, a través dun conxunto de exposicións temporais. Non obstante, aínda que a exposición inaugurada este xoves na Facultade de Belas Artes pontevedresa presenta tamén traballos de artistas que pasaron por esta galería, permite á súa vez observar boa parte da colección que este docente iniciou hai máis de 20 anos “con criterios máis empáticos ou afectivos que estritamente académicos”, recoñeceu. Xunto a algunhas pezas escultóricas, dous vídeos e traballos de fotografía, a mostra reúne un conxunto de obras pictóricas de pequeno ou mediano formato que, en varios dos casos, eran “as primeiras obras que vendían” os seus creadores e creadoras e que no conforman no seu conxunto unha colección “cun ton un pouco alegre e lúdico”.
A “folla de ruta” dos traballos para que o Campus Crea sexa recoñecido como campus de especialización pola Xunta de Galicia foi unha das cuestións centrais da primeira reunión do Consello de Campus de Pontevedra neste 2023, que tivo lugar na mañá deste xoves na Casa das Campás. Ademais dos informes do reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, esta xuntanza puxo o foco na “aposta por reactivar os traballos do campus de especialización”, que, como sinalou o reitor, pasan en primeiro termo por acometer unha actualización do plan estratéxico.
“Quería informar á comunidade universitaria da folla de ruta que imos levar adiante para poder presentar a documentación á Xunta de Galicia a inicios do ano que vén”, explicou Reigosa, que destacou a importancia que ten esta “reactivación do proceso”, xa que “entramos nunha etapa na que podemos empezar a chamar á porta da Xunta para a acreditación do Campus Crea como campus de especialización”. Nese senso, Reigosa informou nesta xuntanza do inicio dos traballos de actualización do plan estratéxico e de preparación da documentación necesaria para remitir a proposta ao Goberno galego e que esta sexa avaliada “por un comité externo de persoas de gran prestixio de fóra de Galicia”.