Onas de Viaje, unha colección inspirada nun pobo orixinario de Terra do Fogo, que articula unha reflexión sobre o colonialismo, converteu o titulado no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Joan Manel Boltes no gañador da vixésima edición de Debut. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu na noite deste venres o desfile no que 15 novos titulados e tituladas deste mestrado da Facultade de Deseño presentaron as coleccións que desenvolveron como proxectos de fin de estudos. Nesta pasarela foi tamén premiada Babette, de Alicia Bonilla, co galardón á colección con maior valor artesanal.
Outorgado pola Fundación Bimba y Lola, o Premio Debut 2026 ao deseño e á creatividade recoñeceu un proxecto que ten como base a comunidade selk'nam, tamén coñecida como ona, “que a día de hoxe é un pobo extinto”, apunta Boltes, tras a colonización destas terras do sur da Arxentina. “Na miña colección fago como unha mestizaxe entre o pobo que os extingue, que son os colonos brancos, e o pobo orixinario”, explica o gañador deste desfile, que reflicte no seus deseños un “choque de culturas”, contrapondo “o capital contra a moral; o industrial contra o primitivo; a gravata contra o poncho”, segundo recolle o seu texto de presentación.
Boltes recibiu este galardón como “un recoñecemento ao traballo que fixen, que ao final é algo moi persoal”, incidindo no “esforzo e as moitas horas” que supuxo este proxecto. Nese senso, ademitía tras o desfile que, unha vez completado o proceso de elaboración do seu traballo de fin de máster (TFM) e a súa presentación sobre a pasarela, “agora mesmo estou como nun baleiro”, tras o que chega o momento de iniciar un novo camiño no mundo profesional, que, sinala, afronta “asustado pero expectante”.
Ler a noticia completa no DUVI